Isabel Rodríguez entrega a Lara Méndez e Pablo Rivera 50.000 mascarillas que facilita o Goberno aos concellos da provincia

Imagen entrega mascarillas concellos

27/11/2020

 A subdelegada entregoulle 15.000 unidades á alcaldesa de Lugo e 35.000 ao deputado provincial de Promoción Económica e Social porque a Deputación fará a distribución ao resto dos concellos

 Rodríguez lémbralle aos lucenses a necesidade de “non baixar a garda, usar correctamente as mascarillas e respectar todas as normas das autoridades sanitarias”

 Na quinta campaña de reparto de mascarillas, o Goberno distribúe 15 millóns destes elementos sanitarios a concellos e entidades sociais de toda España


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, entregou hoxe á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e ao deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, 50.000 mascarillas que o Goberno fai chegar desta volta aos concellos da provincia de Lugo.

A subdelegada destacou que “nesta nova campaña de distribución de mascarillas que leva a cabo o Goberno, a quinta desde o comezo da pandemia do coronavirus, entregamos 50.000 unidades aos concellos da provincia de Lugo e a semana que vén completaremos a campaña coa entrega doutro lote a Cruz Vermella, Cáritas e Cermi”.

Isabel Rodríguez remarcou que “as mascarillas son un elemento fundamental para a nosa protección”, polo que advertiu “a todos os lucenses da necesidade de que fagan un uso correcto deste elemento de protección, para coidar da nosa saúde e a dos outros, e pídolles, unha vez máis, que non baixen a garda e que respecten todas as normas sanitarias dispostas polas autoridades competentes”.

Rodríguez lembrou que “antes desta campaña de distribución de mascarillas a concellos e entidades sociais da provincia, fixemos outros catro repartos nos meses de abril, maio, xuño e setembro. Coas que entregamos hoxe son xa 358.500 as unidades sanitarias que levamos repartidas na provincia a concellos, entidades sociais e outros colectivos como traballadores, taxistas, usuarios do transporte público, pequenos empresarios, autónomos ou persoal das residencias de maiores”.

CONCELLO E DEPUTACIÓN

A subdelegada entregoulle este venres un lote de 15.000 mascarillas á acaldesa de Lugo e as restantes 35.000 recolleunas o deputado provincial, xa que a Deputación é a institución que se fai cargo do operativo de distribución entre os concellos da provincial con poboación inferior a 20.000 habitantes, tal e como acordaron o Goberno e a Federación Española de Municipios e Provincias.

15 MILLÓNS PARA TODA ESPAÑA

As mascarillas para os concellos forman parte dunha nova campaña de reparto deste tipo de material sanitario, que se completará a semana que vén coa entrega doutro lote a entidades sociais. En total, o Goberno distribúe nesta campaña 15 millóns de mascarillas  en toda España, das que corresponden a Galicia 590.000.