O Centro de Coordinación Operativo da Coruña acorda intensificar as accións de control policial na loita contra a COVID-19 na ponte da Constitución e nas próximas datas de Nadal

O Centro de Coordinación Operativo da Coruña acorda intensificar as accións de control policial na loita contra a COVID-19 na ponte da Constitución e nas próximas datas de Nadal

03/12/2020

Policía Nacional, Garda Civil, Policía Autonómica e policías locais integran o órgano que coordina a actuación das Forzas e Corpos de Seguridade na actual situación

A Xunta, a través da delegada terrirorial da Consellería de Presidencia, incorporase ás reunións de coordinación da CECOR

A subdelegada do Goberno recorda que segue sendo fundamental o cumprimento das directrices dos expertos sanitarios

Pilar López-Rioboo traslada o seu agradecemento ás Forzas e Corpos de Seguridade polo excelente traballo feito e pide que manteñan o seu nivel de responsabilidade e bo facer


O Centro de Coordinaciòn Operativo da provincia da Coruña (CECOR) creado para o seguimento da loita contra a COVID-19 tivo esta tarde unha nova reunión para avaliar a actual situación e analizar o cumprimento das novas medidas aprobadas pola Xunta, especialmente ante a ponte da Constitución e as próximas datas do Nadal.

Na reunión, presidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, acordouse manter e intensificar as accións de seguimento e control policial para reafirmar a loita contra a posible amplificación da pandemia, tendo en conta as características especiais dos próximos días, nos que tradicionalmente aumentan as concentracións da xente.

No CECOR estiveron presentes os responsables provinciais da Garda Civil e Policía Nacional, incorporándose ademáis representantes da Policía Autonómica. Tamén estivo por primeira vez unha representación da Xunta, na persoa da delegada territorial da Consellería de Presidencia. Tamén están representadas as policías locais, coa presenza das principais cidades da provincia, coma son A Coruña, Santiago e Ferrol.

O centro de coordinación analizou de forma especial as novas medidas aprobadas pola Xunta e que entrarán en vigor desde mañá venres, que teñen unha influencia directa sobre a mobilidade e a actividade social e grupal, dada a reapertura dos locais de hostalaría, entre outras novidades.

Estas circunstancias, xunto coa necesidade de trasladar á sociedade a obrigatoriedade de non relaxar os comportamentos, fixeron que a subdelegada do Goberno insistirá ás forzas e corpos de seguridade en manter e intensificar a presenza e os operativos e dispositivos de control necesarios para intentar combatir a propagación da COVID-19 e non botar por terra o traballo e esforzo feito atá o de agora.

Por iso, unha vez máis reiterou a necesidade de reforzar e apelar á responsabilidade individual para non baixar a garda nesta loita contra a coronavirus, sen olvidar que son as forzas e corpos de seguridade as que teñen que garantir o cumprimento de tódalas medidas contidas na declaración do estado de alarma na Comunidade Autónoma e as conseguintes medidas adoptadas pola Xunta.

A subdelegada do Goberno destacou que o CECOR ten coma obxectivo promover a coordinación das distintas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na provincia da Coruña, a cogobernanza entre administracións e a unificación dos criterios de actuación respecto á aplicación das normas que se aproban durante a vixencia do actual estado de alarma.

Dentro deste contexto, na reunión avaliuose a necesidade de extremar todo o relacionado co cumprimento das distancias sociais e as recomendacións en materia de protección sanitaria, establecendose como prioritario apelar á cidadanía a manter a  imprescindible responsabilidade individual para desta maneira seguir avanzando na loita contra a COVID-19.

A subdelegada do Goberno recordou que a pesar do exemplar comportamento da inmensa maioría de persoas queda aínda moito por facer e a batalla contra a coronavirus non está nin moito menos gañada. Por iso insistiu na necesidade de cumprir a normativa estatal e autonómica e as directrices establecidas polos expertos sanitarios para non vernos obrigados a dar pasos atrás e non perder o terreo gañado.

É por iso que entende necesario combinar e complementar os intereses dos distintos sectores económicos co cumprimento da normativa, especialmente cando iso pasa pola responsabilidade individual. “É importante que sexamos capaces de cumprir o establecido para evitar dar pasos atrás polo feito de relaxarnos, querer avanzar demasiado rápido”, sinala para recordar que queda moito camiño por percorrer.

López-Rioboo reiterou o seu agradecemento tanto persoal como institucional a tódolos corpos e forzas de seguridade do Estado polo traballo feito nos momentos máis duros da pandemia e nestas últimas semanas xa que demostraron unha vez máis ser un pilar fundamental do noso Estado de Benestar, ademáis dos garantes da propia seguridade individual e colectiva.

“Dan un exemplo de profesionalidade e de rigor no traballo”, indicou, á vez que lles demandou que manteñan este nivel de responsabilidade e bo facer, que de novo volverá a poñerse en evidencia cos diferentes operativos que se establecerán en tódala provincia nos vindeiros días para garantir a seguridade dos coruñeses e coruñesas.