A Delegación do Goberno amosa o seu compromiso coa loita contra a violencia sobre as mulleres nos actos programados polo 25N

Captura del vídeo "A Outra pandemia"

17/11/2020

Os perfís da Delegación do Goberno en redes sociais (Twitter, Facebook e TikTok) amosan un vídeo elaborado para esta ocasión que busca rachar os silencios que agochan as situacións de maltrato baixo o título “A outra pandemia” accesible ao final desta páxina

As fachadas das catro subdelegacións provinciais lucen pancartas con alusións a loita contra á violencia de xénero e á defensa da igualdade

Os premios Meninas 2020 recoñecen, entre outros, aos avogados e avogadas do servizo da quenda de oficio en Galicia especializado en violencia de xénero


A Delegación do Goberno en Galicia amosa o seu compromiso público coa loita contra a violencia machista e a favor da igualdade cunha programación especial ao redor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora en todo o mundo o 25 de novembro.

Con este motivo, os perfís en redes sociais da Delegación do Goberno en Facebook, Twitter e TikTok amosan un vídeo elaborado para recoñecer e dar voz a organizacións que loitan con esta “outra pandemia” e amosar o compromiso público coas vítimas da mesma. O vídeo quere darlle forza as vítimas para denunciar a súa situación e ao resto da sociedade para que rachen co silencio cómplice tras o que se esconden os maltratadores. Podes descargalo aquí.

Ademas, as sedes das catro subdelegacións provinciais lucen pancartas nas súas fachadas que reiteran o compromiso contra a violencia machista e defenden as políticas pola igualdade.  

Xunto a elas, están programadas outras iniciativas co obxectivo común de poñer no debate público a prioridade de loitar contra esta violencia en todas as súas manifestacións, protexer ás vítimas desta lacra, darlles voz e promover a igualdade efectiva entre homes e mulleres.

A loita contra a violencia de xénero é unha das políticas prioritarias do Goberno de España e á que destinou en Galicia este ano 8,41 millóns de euros para o desenvolvemento de accións específicas de axuda, mellora de coordinación e tarefas preventivas. Xunto a elas, e no marco da pandemia da  COVID-19, o Goberno aprobou un Plan de Continxencia específico contra a violencia machista e trátaa con accións de seguridade policial, para favorecer o traballo das asociacións e con medidas de carácter económico para as vítimas.

Programación

A Delegación do Goberno, en colaboración co Ministerio de Igualdade e o Ministerio de Política Territorial e Función Pública, deseñou unha programación na que teñen cabida actividades formativas, concursos e actos de recoñecemento ás vítimas. Este programa culmina o propio día 25 cando, ante a sede da Delegación na Coruña, se garde un minuto de silencio en memoria das vítimas xunto coa lectura do manifesto do Goberno de España. Neste mesmo día, a Subdelegación de Ourense conmemorará o 25N cunha lectura poética en colaboración co Círculo Poético da cidade e, fronte á Subdelegación de Lugo, realizarase unha solta simbólica de globos representando as vítimas ocasionadas pola violencia machista.

Ademais, o día 25N a fachada da sede da Delegación na Coruña, e das subdelegacións de Lugo e Ourense ilumínanse coa cor violeta, símbolo desta reivindicación.

Estas accións de visibilización complétanse coa repartición de 5.000 carteis de sensibilización contra a violencia de xénero destinados a edificios públicos, sedes de asociacións profesionais e locais sociais de diversa entidade nas catro provincias.

Xornadas formativas

O programa de actos inclúe dúas xornadas de formación que se celebran baixo a modalidade online e que están dirixidas a profesionais que traballan na prevención da violencia de xénero desde diversos ámbitos (servizos sociais, asociacións de atención a vítimas de violencia de xénero e equipos especializados de Policía Nacional e de Garda Civil).

A primeira delas terá lugar o 23 de novembro organizada pola Subdelegación do Goberno en Lugo. Desenvolverase baixo o título “Stop violencia contra as mulleres” e contará coa participación de Laura Redondo, psicóloga xurídica e forense.

Ao día seguinte, a Subdelegación do Goberno na Coruña celebrará a xornada: “Un  achegamento  ao abuso sexual  dende a intervención  coas  vítimas”, na que intervirá a directora técnica da Fundación  Meniños,  Xema Cabana  Ferro.

Ademais, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra organizou o IV concurso escolar contra a violencia de xénero na dobre categoría de fotografía e vídeo dirixido a alumnos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional da provincia de Pontevedra. Os premios entregaranse nun acto que se celebrará o 24 de novembro.

Premios Meninas

A Delegación do Goberno concedeu novamente os Premios Meninas, en recoñecemento ao labor de persoas ou entidades que destaquen polo seu compromiso na erradicación da violencia de xénero. Nesta ocasión, o galardón autonómico foi outorgado aos avogados e avogadas do servizo da quenda de oficio en Galicia especializado en violencia de xénero. Xunto a eles, en cada provincia concedeuse unha Menina: á Casa de Acollida para Mulleres do Concello da Coruña, nesta provincia; á vítima e autora Inés Fernández, en Lugo; á Fundación Meniños, galardoada na provincia de Ourense, e á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, de Vigo, na provincia de Pontevedra.

A data e forma do acto de entrega dos galardóns estarán determinadas polas medidas de restricción sanitaria impostas polas autoridades.

PROGRAMACION

Delegación do Goberno

Minuto de Silencio

Iluminación fachada

Entrega dos Premios Meninas 2020

25 de novembro

 

Pdt.

Subdelegación do Goberno na Coruña

Colocación de pancarta

Xornada formativa: “Un  achegamento  ao abuso sexual  dende a intervención  coas  vítimas”,

17 novembro

 

24 novembro

Subdelegación do Goberno en Lugo

Colocación pancarta

Xornada online “Stop violencia contra as mulleres”

Lectura manifiesto e solta globos

Iluminación de fachada

16 novembro

23 novembro

25 novembro

 

Subdelegación do Goberno en Ourense

Colocación pancarta

Iluminación de fachada

Lectura poética contra a violencia de xénero (colaboración Círculo Poético Ourensano)

16 novembro

25 novembro

 

Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Colocación pancarta

Concurso escolar, entrega premios

16 novembro

24 novembro