O Goberno acomete melloras no acceso peonil á praia de Carnota

O Goberno acomete melloras no acceso peonil á praia de Carnota

19/11/2020

Unha inversión de 38.000 euros permitiu a renovación da varanda existente no acceso central do arenal

A subdelegada do Goberno analiza co alcalde diversos proxectos de eficiencia enerxética


A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, supervisou o resultado das melloras acometidas no acceso peonil á praia de Carnota. Acompañada polo alcalde Juan Manuel Saborido, o xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil; e a concelleira Mercedes Noceda, comprobou o remate dos traballos desenvoltos na zona.

A Demarcación de Costas de Galicia, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, rematou recentemente as actuacións de renovación e mellora do acceso peonil na praia do concello, que foron executadas pola empresa Tragsa dentro no contrato de Conservación e Mantemento disposto pola propia Demarcación de Costas.

Os traballos, que requiriron unha inversión de 38.000 euros, consistiron fundamentalmente na renovación da varanda existente no acceso central do arenal, retirando a que se encontraba en mal estado e que foi substituída por unha delimitación máis transparente e flexible a base de corda. Tamén se procediu á demolición e levantamento do tramo da varanda de madeira e a súa substitución, aproveitando a labor para modificar a súa cota e dar asi unha mellor protección ao sistema dunar.

A subdelegada do Goberno mantivo unha reunión co alcalde para analizar diversos proxectos relativos ao concello, en especial referentes a melloras de eficiencia enerxética xa que está previsto acometer unha profunda renovación da iluminación nas zonas rurais de Carnota, nunha actuación conxunta entre Concello e o Ministerio de Transición Ecológica.

Esta iniciativa contará cunha inversión total de 320.073,31 euros, dos que 256.058,64 serán aportados polo Goberno de España, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, dentro do programa de Desenvolvemento Urbano Sostible para entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, que conta coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A aportación do Concello de Carnota para este proxecto será de algo máis de 64.000 euros.