Maica Larriba anuncia o inicio da rexeneración da praia de A Carabuxeira

Maica Larriba anuncia o inicio da rexeneración da praia de A Carabuxeira

07/10/2020

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, anunciou hoxe a inmediata autorización por parte do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra da aportación de area para a rexeneración da praia, vinculada ao proxecto definitivo que deberá desenvolver Nauta.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou hoxe a praia de A Carabuxeira xunto ao responsable do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra, Enrique Fernández Menéndez, e o alcalde do Concello de Sanxenxo, Telmo Martín, para anunciar a inmediata autorización das operacións de recheo deste areal.

O Servizo Provincial de Costas vén de anunciar que nos próximos días procederase a autorización da aportación de area para a rexeneración da praia de A Carabuxeira. A area perdida ao longo do tempo por mor da construción do espigón de abrigo do Porto Deportivo Juan Carlos I atópase nos fondos mariños das inmediacións e empregarase para reencher este punto da ribeira sanxenxeira.

“A nosa presenza hoxe aquí é para dar testemuña de que este é o primeiro paso para acadar a tan desexada rexeneración da praia de A Carabuxeira. En breve, o Servizo Provincial de Costas vai firmar a resolución que permitirá o depósito nesta praia de 10.000 metros cúbicos da area que as mareas levaron co paso do tempo”, anunciou Maica Larriba. A subdelegada afirmou que “este é o primeiro paso para desbloquear o longo procedemento que ten como obxectivo a rexeneración deste areal tan emblemático e importante para o Concello de Sanxenxo, os seus habitantes e visitantes”.

Non obstante, a subdelegada lembrou que “esta é unha autorización vinculada á realización definitiva do proxecto, que agardamos que acelere todo o posible os seus trámites para que poidamos gozar canto antes desta marabillosa praia”. A este respecto, o alcalde de Sanxenxo afirmou que a empresa pública Nauta ten listo xa o proxecto definitivo que presentará ante Portos de Galicia. Telmo Marín adiantou tamén que “en canto Costas asine a autorización, Nauta procederá a licitación das obras de recheo, aínda que o inicio das mesmas poderá verse condicionado polas condicións climáticas e a situación do mar no inverno”.

A operación autorizada permitirá depositar 10.000 metros cúbicos de area da propia praia de A Carabuxeira que hoxe atópanse nos leitos mariños próximos. A area extraída será devolta ao propio areal, que contará cunhas barreiras de material xeotéxtil para paliar os efectos das mareas e evitar a erosión. Neste sentido, o xefe do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra, Enrique Fernandez Menendez, explicou que “este aporte de area é de carácter brando, xa que está vinculado ao proxecto definitivo que incluiría una obra de carácter ríxido e definitivo. O seu obxectivo é protexer temporalmente esta zona de vivendas”.

Maica Larriba quixo agradecer “a prontitude de Costas e a súa implicación na busca de solucións para rexenerar este areal e a súa volta”. Así mesmo, lembrou “o compromiso deste Goberno coa preservación e recuperación do noso litoral”. A subdelegada do Goberno xa mantivera en anteriores ocasións diferentes reunións co alcalde de Sanxenxo e os veciños afectados co obxectivo de axilizar a recuperación da praia. Por último, Telmo Martín agradeceu “o compromiso da subdelegada coa Carabuxeira e a súa contorna”.