A Delegación do Goberno informa de que as forzas de Seguridade do Estado chegan ao fin da época de máximo risco de incendios forestais con 58 detidos en Galicia

A Delegación do Goberno informa de que as forzas de Seguridade do Estado chegan ao fin da época de máximo risco de incendios forestais con 58 detidos en Galicia

14/10/2020

Oito de cada dez detidos ou investigados se rexistraron entre os meses de xuño e setembro

Javier Losada reitera que o Goberno seguirá a prestar a máxima colaboración na prevención e loita contra os incendios e na investigación das súas causas

A colaboración do Estado materialízase a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Ministerio de Defensa –coa Unidade Militar de Emerxencias, a Armada, o Exército do Aire e o Exército de Terra–, e Ministerio do Interior -Protección Civil, Garda Civil e Policía Nacional-.


A Delegación do Goberno informou hoxe de que as forzas e corpos de seguridade do Estado suman 58 persoas detidas ou investigadas por incendios forestais na Comunidade este ano, incluíndo os primeiros días de outubro. Con esta cifra chégase ao fin da época de máximo risco de incendios, que se extende aos primeiros días do outono.

O delegado do Goberno reiterou que o Executivo seguirá prestando a máxima colaboración na prevención e loita contra os incendios forestais “alí onde sexa necesario en Galicia” co obxectivo de minimizar a afección dos lumes e, sobre todo, garantir a seguridade da poboación. Esta cooperación exténdese á investigación das causas dos lumes, na que a colaboración cidadá é moitas veces chave para identificar os autores.

Javier Losada valorou positivamente a cooperación Xunta-Estado na campaña de incendios forestais, na que houbo unha gran presencia de medios aportados polo Ministerio para  a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Ministerio de Defensa e Ministerio do Interior.

Evolución das cifras

O período con maior actividade foi o de xuño a setembro, onde se rexistraron 48 detidos ou investigados, o que supón que oito de cada dez detidos/investigados no ano rexistráronse  na época de máis risco. Por meses, o peor foi xullo, con quince persoas detidas ou investigadas (seis en Ourense, tres na Coruña, tres en Lugo e tres en Pontevedra), seguido de agosto, con trece detidos ou investigados (sete en Ourense e dous en cada unha das outras provincias), e xuño e setembro, con dez en cada un destes meses. Hai que sinalar que mentres xuño acumulou máis detidos/investigados en Ourense, con cinco, en setembro a maior parte dos detidos/investigados por incendios correspondeu á provincia da Coruña, con tres persoas ás que se lles atribuíu un delicto de incendio forestal.

Por provincias, Ourense acumula no que vai de ano 28 persoas detidas/investigadas, o que supón o 48% do total de Galicia. Séguenlle, por orde, Lugo con once; A Coruña, con dez detidos/investigados, e pecha a lista Pontevedra con nove.

Ante estas cifras, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, insiste a necesidade de avisar aos Corpos e Forzas de Seguridade sobre calquera imprudencia ou conduta incendiaria para facilitar as investigacións e a detención dos posibles autores.