Diminúen un 15,64% os delitos no concello de Lugo no que vai de ano

Imagen Xunta Local Seguridade Lugo

01/10/2020

 Isabel Rodríguez e Lara Méndez copresiden a Xunta Local de Seguridade que analizou a situación da seguridade cidadá no municipio de Lugo e tratou o dispositivo para as festas de San Froilán

 A subdelegada do Goberno destaca que diminuíron os delitos contra as persoas e o patrimonio, pero aumentaron os delitos contra a liberdade sexual

 A alcaldesa anuncia que se reforzarán os dispositivos para evitar aglomeracións e o cumprimento das normas sanitarias


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade na que se analizou a situación da seguridade cidadá no municipio e tratouse sobre o dispositivo para as festas de San Froilán.

 

A subdelegada do Goberno informou de que as estatísticas da Policía Nacional reflicten un descenso do 15,64% na cifra de delitos cometidos no que vai de ano no municipio de Lugo. Desde o mes de xaneiro ata o día 22 de setembro rexistráronse un total de 1.769 infraccións penais neste concello mentres que no mesmo período de 2019 foran 2.097.

 

Isabel Rodríguez explicou que este é un ano atípico, no que a delincuencia tamén se viu condicionada polas limitacións de movementos establecidas para loitar contra a pandemia do coronavirus. Así, destacou que no que vai de ano diminuiron os delitos contra as persoas e o patrimonio, pero aumentaron os delitos contra a liberdade sexual.

 

A subdelegada tamén puxo o énfase no traballo desenvolvido pola Policía Nacional con motivo do Estado de Alarma e no esforzo realizado por este corpo policial para garantir o cumprimento da normativa sanitaria e de seguridade cidadá neste período.

 

Segundo os datos oficiais da Policía Nacional, neste período de tempo rexistráronse en Lugo 172 delitos contra as persoas, fronte aos 206 do ano pasado, e 437 delitos contra o patrimonio, mentres que o ano pasado foran 588. Aumentaron, en cambio, os delitos contra a liberdade sexual, que pasaron de 15, en 2019, a 21 neste ano.

 

As estatísticas tamén reflicten un incremento do 2,31% na eficacia policial, que se situou no 44,66%, e nas detencións practicadas pola Policía Nacional, que pasaron de 423 a 467.

 

É de destacar que este ano foron esclarecidos o 100% dos delitos contra a liberdade sexual, nun esforzo das forzas de seguridade contra este tipo de delitos.

 

O ascenso máis importante no número de detencións deuse nos casos de delitos contra a liberdade sexual (19 detidos neste ano fronte aos 5 do ano anterior) e nos roubos con forza (49 detidos este ano fronte aos 13 do ano anterior).

 

SAN FROILÁN

 

En canto ás festas do San Froilán, a alcaldesa destacou a necesaria colaboración e coordinación entre as distintas forzas de seguridade, Policía Local, Policía Nacional, Bombeiros e Protección Civil nos dispositivos de control. Así, reforzaranse os dispositivos para evitar aglomeracións nos actos programados e que se cumpran os protocolos establecidos polas autoridades sanitarias.

 

Lara Méndez pediu un exercicio de responsabilidade da cidadanía para que se respecten os protocolos sanitarios, “tendo tamén especial coidado nas reunións familiares, xa que desde o Sergas advirten do perigo que supón que se baixa a garda”.

 

Na Xunta Local de Seguridade lembráronse, ademais, os protocolos establecidos nos espazos dos concertos, que estarán valados e onde as persoas asistentes deberán manterse sentadas no asento asignado para garantir a separación de 1,5 metros entre persoas.

 

Os seis escenarios, están situados no Paseo Fluvial do Miño, e nas prazas do Castiñeiro, Augas Férreas, Agro do Rolo, Camiño Primitivo e Horta do Seminario. Aconséllase ademais, que os asistentes aos concertos que logo queiran tomar algo o fagan nas contornas próximas dos escenarios, para evitar desprazamentos.