Maica Larriba destaca o aumento dos ciberdelitos nos primeiros nove meses do ano

Maica Larriba destaca o aumento dos ciberdelitos nos primeiros nove meses do ano

23/10/2020

A subdelegada do Goberno deu a coñecer os datos da Xunta Provincial de Seguridade, que revelan unha tendencia á baixa nos índices de infraccións penais na provincia de Pontevedra.

Pontevedra, 23 de outubro de 2020.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as actuacións policiais na provincia ata o día de hoxe. Acudiron ao encontro os máximos responsables dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil na provincia, Antonio Pérez, o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Diaz, e o xefe da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá e xefe provincial de Operacións en funcións, Camilo Loureiro.

Tras coñecer e analizar os datos máis relevantes presentados polos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a subdelegada do Goberno quixo destacar que “en liñas xerais, o índice de infraccións penais na provincia presenta unha tendencia negativa durante o 2020”. Larriba quixo destacar “o acentuado descenso dos roubos en vivendas e en establecementos, sobre todo nas grandes cidades”. A baixada deste tipo de delitos na provincia é de 20 puntos no caso das vivendas e de case 45 puntos no caso de establecementos comerciais.

A subdelegada advertiu que “non obstante os bos datos rexistrados na meirande parte dos índices de infraccións penais da provincia, hai que advertir sobre o aumento das estafas por Internet, que durante os primeiros nove meses do ano aumentaron un 25 % con respecto ao mesmo período do ano 2019”. Neste sentido, Maica Larriba quixo facer un chamamento “á precaución coas compras na rede, que aumentaron desde o inicio da pandemia. Debemos ser cautos co uso das tarxetas e a revelación de datos persoais en Internet”.

Así mesmo, a subdelegada do Goberno informou da incautación de máis de 10.000 plantas de marihuana na provincia. Maica Larriba subliñou “o aumento das incautacións desta droga por parte da Garda Civil, destacando a aparición de grandes plantacións no sur da provincia e de cultivos de interior no norte onde se desarticularon diversas instalacións preparadas par o cultivo das plantas”.

Consellos para evitar ser vítima dunha estafa en Internet

A modo informativo, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra quere trasladar unha serie de consellos que xa veñen difundindo as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sobre as actividades comerciais e formas de pago na rede:

  1. Modifique periodicamente as claves das súas tarxetas e revise con frecuencia as operacións realizadas.
  2. Active o servizo de alertas do seu banco, desta forma recibirá unha mensaxe de texto cada vez que realice unha operación superior ao importe que elixa.
  3. Nunca perda de vista a súa tarxeta cando vaia a realizar un pago e, para evitar que esta sexa clonada, revise os caixeiros nos que a insire.
  4. Lembre que as entidades bancarias nunca solicitan datos confidenciais nin claves nas  operacións por correo electrónico.
  5. Cando compre por Internet, asegúrese de que se trata dunha empresa coñecida e comprobe que a dirección web comece por “https”. Isto significa que cumpre o protocolo de comunicación para a transferencia segura de datos.