Tui recibirá 586 mil euros para executar a segunda fase de actuacións no conxunto catedralicio de Tui

Tui recibirá 586 mil euros para executar a segunda fase de actuacións no conxunto catedralicio de Tui

15/12/2020

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aporta o 75% do orzamento total das actuacións dirixidas a adaptar o conxunto para usos museísticos.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana financiará a segunda fase de actuacións no conxunto catedralicio de Tui para a súa adaptación a usos museísticos achegando 586.530,74 €, unha cifra que representa o  75 % do custo total das actuacións.

A Comisión Mixta do 1,5% Cultural, presidida polo secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Pedro Saura, e composta por representantes de Mitma e do Ministerio de Cultura e Deporte, elevou hoxe unha proposta ao ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o financiamento de 5 novas actuacións  -entre as que se atopa a obra tudense-, como consecuencia da Convocatoria publicada en xaneiro de 2020,.

A resolución provisional permitirá continuar co procedemento até a adopción da resolución definitiva, condicionada á aprobación dos proxectos e ás achegas financeiras comprometidas. A partir desta resolución provisional os participantes dispoñen de 10 días para aceptar a axuda e de 90 para presentar toda a documentación. Cabe destacar que en tanto non se notifique a resolución de concesión definitiva ao futuro beneficiario, non se creou ningún dereito a favor do mesmo.

Programa do 1,5% cultural

O programa do 1,5% Cultural é a principal ferramenta da Administración Xeral do Estado para responder ao mandato constitucional polo que os Poderes Públicos deben garantir a conservación e promover o enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España e dos bens que o integran.

Para ese fin a Lei de Patrimonio Histórico estableceu a porcentaxe mínima do 1% a aplicar sobre o orzamento das obras públicas que se executan pola Administración do Estado. Máis aló desa obrigación, o Mitma (antes Ministerio de Fomento) ampliou en 2014 a súa achega a este obxecto do 1% ao 1,5% do orzamento das obras que licita.

O desenvolvemento do Programa 1,5% Cultural propón un modelo de actuación de amplo contido social, en base aos seguintes criterios:

-          Soporte económico fundamental provén da execución da obra pública.

-          Recupérase o Patrimonio Cultural Español, respectando o legado recibido e propiciando o sentimento de pertenza e o orgullo polo propio.

-          Foméntase o uso público favorecendo o achegamento social ao Patrimonio.

-          Xérase emprego e riqueza nos ámbitos en que se sitúan os elementos patrimoniais recuperados.

-          Contribúese ao obxectivo xeral de xerar turismo de calidade.

Esta convocatoria de axudas para a conservación e o enriquecemento do Patrimonio Histórico Español é a cuarta publicada por este procedemento de concorrencia competitiva, que prima os principios de transparencia, publicidade e concorrencia.

A inversión total prevista para Galicia acada os 4,97 millóns de euros

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana achegará 3.072.041,39 euros a proxectos de recuperación e posta en valor do patrimonio histórico español en Galicia con cargo aos fondos que se xeran para o 1,5% Cultural como consecuencia da contratación da obra pública.

O investimento total previsto en Galicia, polas entidades e administracións participantes, incluíndo as achegas do Estado, é de 4.970.679,56 euros.