Isabel Rodríguez informa de que a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron 552 dispositivos na provincia desde o venres

Imagen CECOR Lugo

20/01/2021

 A subdelegada do Goberno preside a reunión do CECOR convocado para adaptar o operativo de seguridade ás novas restricións sanitarias

 Isabel Rodríguez pide aos lucenses que atendan todas as indicacións das autoridades sanitarias e destaca o traballo coordinado das forzas de seguridade na provincia

 Nos últimos cinco días, 6.858 persoas e 5.778 vehículos foron controlados pola Garda Civil e a Policía Nacional, que formularon 106 propostas de sanción por incumprir as normas sanitarias


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión que celebrou o Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) para adaptar os dispositivos das forzas e corpos de seguridade ante a entrada en vigor, a próxima medianoite, das novas restricións sanitarias establecidas pola Xunta de Galicia. Na xuntanza, celebrada a última hora da mañá na Subdelegación do Goberno, participaron, responsables da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo, Protección Civil e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta.

 

A subdelegada informou que desde o pasado venres, cando entraran en vigor as anteriores medidas sanitarias, a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Lugo 552 dispositivos de seguridade nos que foron identificadas un total de 6.858 persoas e controlaron 5.778 vehículos.

 

Isabel Rodríguez detallou que nas cinco xornadas comprendidas entre os días 15 e 19 de xaneiro a Garda Civil e a Policía Nacional formularon 106 propostas de sanción polo incumprimento das restricións á mobilidade e os contactos sociais que fixara a Xunta de Galicia para os concellos da provincia de Lugo durante ese período de tempo.

 

Trala xuntanza do CECOR, Rodríguez anunciou que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado continuarán co intenso labor que veñen realizando con gran dedicación nos últimos meses na provincia velando polo cumprimento das restricións establecidas na loita contra a expansión do COVID-19, con operativos que se van axustando en función da evolución da normativa que dita a autoridade sanitaria.

 

A subdelegada tamén insistiu na necesidade de que a cidadanía atenda todas as indicacións dadas polas autoridades sanitarias e destacou a implicación de todas as forzas de seguridade, Policía Nacional, Garda Civil, Policía Autonómica e Policías Locais, ás que agradeceu o seu traballo coordinado para garantir a seguridade e a saúde dos lucenses en cumprimento da normativa sanitaria na provincia