Maica Larriba presenta a cuarta edición do concurso escolar contra a violencia de xénero que organiza a Subdelegación do Goberno

Maica Larriba presenta a cuarta edición do concurso escolar contra a violencia de xénero que organiza a Subdelegación do Goberno

21/10/2020

O certame, celebrado co gaio do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, quere achegarse á mocidade mediante o emprego de novos formatos máis visuais, como son o vídeo curto e a fotografía.

Pontevedra, 21 de outubro de 2020.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou hoxe xunto á xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manual Vilaboy, o concurso escolar de fotografía e vídeo organizado con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Tal e como informou Maica Larriba, “as tres primeiras edicións, o certame centrouse no debuxo e no relato, pero este ano quixemos empregar formas de expresión artísticas más próximas á poboación máis nova: a fotografía e o vídeo curto”. En España case un 90 % dos adolescentes dispón dun teléfono intelixente e dedica diariamente 58 minutos a consumir e producir contido audiovisual. “Os formatos elixidos este ano son os máis empregados nas redes sociais máis populares entre a mocidade– Youtube, Instagram e Tiktok-. Os nativos dixitais prefiren os gráficos ao texto, polo que entendemos que este tipo de concurso adáptase mellor aos novos canais de comunicación dos adolescentes”, afirmou a subdelegada.

Poderá participar no certame calquera escolar que curse estudos de ESO, Bacharelato, F.P. Básica, F.P. Ciclo Medio ou F.P. Ciclo Superior nalgún dos centros educativos da provincia de Pontevedra. O alumnado poderá presentar as súas obras en calquera das dúas modalidades de participación ofertadas: fotografía e vídeo curto -cunha duración máxima de 60 segundos-.

Todos os estudantes poderán remitir os seus traballos ata o próximo 8 de novembro de 2020 ás 17:30 h ao seguinte enderezo electrónico: concurso25n.pontevedra@correo.gob.es.

Haberá un primeiro e segundo premio por cada modalidade –fotografía e vídeo- e categoría –a primeira categoría abrangue ao alumnado de ESO/FP Básica/Ciclo Medio e a segunda categoría inclúe aos estudantes Bacharelato e FP Superior–. Na primeira categoría, o primeiro premio consistirá nun ordenador portátil e o segundo nunha táblet, e na segunda categoría o primeiro premio será un ordenador portátil e o segundo un vale por un importe de cen euros. As bases legais do concurso poden consultarse na páxina web da Delegación do Goberno en Galicia.

A subdelegada do Goberno sinalou a importancia deste tipo de actividades entre a mocidade, xa que, “segundo os datos da macroenquisa de Violencia contra a Muller realizada o ano pasado, o 60,5 por cento das mozas ente os 16 e os 24 anos de idade sufriu nalgunha ocasión acoso sexual e o 34,7 por cento antes de cumprir os 15 anos. Unha cifra que tamén é elevada nas mulleres de entre 16 e 24 anos, xa que un 26,2 por cento delas sufriu acoso de maneira reiterada. No caso das menores de 18 anos, a cifra é dun 13 por cento”. A subdelegada quixo tamén alertar “sobre un dato que nos debe facer reflexionar. Na provincia de Pontevedra hai sete casos activos dentro do sistema de Vioxen de menores de 18 anos. Representan só o 0,6 por cento do total de casos activos de toda a provincia, pero o número é moi significativo. Coido que todas estas son razóns suficientes para seguir traballando para que os máis novos tomen conciencia sobre esta lacra da nosa sociedade”.